terça-feira, 26 de outubro de 2021

 

 Sam(h)ain, Magustos, Santos, Halloween: orixes


A noite de 31 de outubro para 1 de novembro marcaba, para os celtas, o inicio do novo ano, a pasaxe do verán para o inverno, da época en que a vida se realizaba no exterior á época en que se desenvolvía no interior da morada, ao pé do lume da lareira.

Ese día era denominado Samonios polos gauleses (pobo celta da Galia) e, polos irlandeses, Samhain ou Samain, unha festa a que asistían todas as persoas dos poboados para celebraren rituais relacionados coa xustiza, o dereito e a política, á vez que, dun punto de vista relixioso, se cría que a porta do Sidh, do Alén, do lugar onde moraban os mortos, era aberta para que aquelas persoas que deixaran este mundo pudesen comunicarse, máis outra vez, con aquelas outras que aínda non o tiñan deixado. 

O Cristianismo realizou unha readaptación das crenzas celtas, entre as que se encontraba a festa do Samhain.

Orixinariamente, o ritual celta do Samhain implicaba a exposición de cabezas cortadas de inimigos coa finalidade de afastar os espíritos malvados. Esta práctica perdurou durante toda a Idade Media, véndose substituída a medoña cabeza cortada do inimigo por cabezas de animais, nun principio, e, posteriormente, outras simbólicas feitas de pedra que acabaron sendo a orixe, séculos máis tarde, das gárgulas que aparecen en monumentos relixiosos con funcións protectoras, para alén das cabazas ou abóboras da festividade británica do Halloween, mais tamén presentes na tradición galega, sobre todo en certos lugares da Costa da Morte, das Rías Baixas e zona das Mariñas.

Para coñecermos ben a orixe da efeméride e a relación que garda coa festa dos magostos, é importante saber que, no ano de 1582, foi realizada unha mudanza do calendario: do xuliano, en vigor daquela,  para o gregoriano, aínda en vigor.

O Papa Gregório XIII decidiu que o día seguinte ao 4 de Outubro de 1582 fose día 15, eliminando no medio dez días. Os países católicos en plena contra-reforma aceptan inmediatamente a mudanza, mentres os outros, entre eles a Gran Bretaña, fana efectiva no 1752. Isto trae consecuencias para a evolución da festa do 1º de novembro:  ese día pasou a ser 11 no novo calendario gregoriano, data en que continuou a celebrarse a festividade tradicional e que na Galiza se viña denominando Magosto, cunhas caraterísticas propias, debido tamén á propia evolución da festa nos territorios da vella Gallaecia, de que tanto Portugal como as Asturias son igualmente herdeiras. Por tanto, o día 1º de novembro do novo calendario gregoriano correspondería ao vello 25 de outubro do vello calendario xuliano, mais era o día en que a Igrexa Católica celebraba o día de Todos os Santos. 

Na Inglaterra, unha vez imposto o calendario gregoriano no século XVIII, celebrarían a festa do Halloween a véspera dese novo 1 de novembro, día en que aínda perduraba o costume das cabezas cortadas da tradición Samhainica e que, agora, máis civilizada e cristianizada, incluía abóboras baleiradas que remedaban un cráneo con ollos, nariz e boca incluídos. 

Na Galiza, no entanto, a festa perduraría até non hai moito tempo, no 11 de novembro gregoriano, vello día 1º do calendario xuliano, conservando tamén un vello ritual pagán que supuña comida con castañas (acreditábase na salvación dunha alma por cada castaña inxerida) e uso de cabazas ou cacholas de nabo esvaciadas e con unha veliña acendida dentro, a simularen cráneos, colocadas en camiños e cemiterios a fin de provocar medo. Mentres esta vella tradición conservaba a súa data orixinaria do día 11, a festividade de Todos os Santos cristiá cindiríase da festa pagá para ser celebrada o día 1º . 

Na actualidade,  en ambas as datas, se manteñen ritos propios do ano novo celta. Porén, as modas incorporada vía Halloween están provocando que os rituais do 11 de novembro perdan vigor. 

Aínda convén saber que, no afán universalizador do cristianismo católico, o día orixinal dos magostos, 11 de novembro,  foi dedicado ao bispo bracarense S. Martinho de Dúmio, primitivo padroeiro da Galiza e guía cristián contra o paganismo. 

Neste vídeo, realizado por David Outeiro Fernández, podes coñecer máis sobre esta efeméride.


(Adaptado e extractado de
José Manuel Barbosa: A origem da tradiçom pagá dos Magustos e do Halloween
)

Sem comentários:

Enviar um comentário

Skam en Guitiriz

O 18 de maio, durante a semana das Letras Galegas, recibimos a visita da creadora de contido dixital en galego Malva (@todomal.va), nunha ac...