venres, 30 de maio de 2025

Por unha lingua viva!

Un ano máis desde o IES Poeta Díaz Castro asistimos á cita anual do Correlingua. Desta volta foi o alumnado de 2º de ESO o que, en nome do IES Poeta Díaz Castro, visitou Lugo, realizou a andaina e cantou a prol da lingua acompañando a outros moitos centros da contorna luguesa. 

Despois de percorrer a Muralla, puidemos gozar do concerto da Mekánica Rolling Band  que poñía o broche a unha xornada lúdica e festiva que destaca, ano tras ano, o ben que mellor nos define e que nos fai únicos no medio da valiosa e marabillosa diversidade que son as linguas, o galego. 



venres, 16 de maio de 2025

A creatividade do IES Poeta Díaz Castro colabora coa VIII FESTA DA TORTA DE MILLO

 

O IES Poeta Díaz Castro participou na presentación da VIII Festa da Torta de Millo organizada polo Concello de Guitiriz. As alumnas Jara Pombo, Aroa Vázquez e Lorena Gómez tiveron protagonismo no acto que acolleu onte a Casa Habanera, como gañadoras do concurso de deseño de cartelería convocado para a celebración gastronómica do vindeiro domingo 1 de xuño.


Orixinalidade e creatividade combináronse non só nos traballos de Jara (2º ESO), Aroa (1º) e Lorena (3º) para exaltar a protagonista, a torta de millo, senón tamén nos máis de trinta debuxos presentados por estudantado do centro.


Xunto a esta colaboración, a Festa tamén contará con chaveiros conmemorativos como agasallos para o público, froito do deseño doutro alumno do Díaz Castro, Aitor García (2º ESO).

Ao longo deste curso e como contribución á exaltación da festa, o noso alumnado tamén estivo traballando na recollida de datos históricos, evolución, tradicións, curiosidades e lendas sobre este saboroso doce. Todas estas descubertas daranse a coñecer o 1 de xuño dentro da programación de actividades da celebración, así como outras colaboracións como as entrevistas a produtores artesáns, realizadas dende os CEIP Lagostelle de Guitiriz e Santo Estevo de Parga.



luns, 12 de maio de 2025

Charla sobre normalización lingüística coa maxistrada Dalila Dopazo Blanco

O xoves 8 de maio visitou o noso centro Dalila Dopazo Blanco, xuíza do Xulgado do Social Nº3 de Lugo, que nos falou do proceso de normalización da lingua galega a través dos séculos, facendo un percorrido vital e exemplificando as dificultades polas que o galego pasou dende que existe como lingua diferenciada da latina.

O alumnado do centro puido escoitar de primeira man as agresións que sufriron e sofren tanto o idioma coma os seus falantes e ser así consciente do dano que produce nunha comunidade lingüística a existencia de estereotipos e prexuízos.




ESCRITORES GUITIRICENSES

  No día de onte visitounos o profesor e escritor Xosé Lorenzo Tomé. O autor guitiricense, que exerceu a súa profesión, entre outros lugares...