martes, 15 de marzo de 2022

O DERRADEIRO LIBRO DE EMMA OLSEN

O día 4 de marzo tivemos a sorte de contar no noso IES coa presenza de Pablo Prado,ilustrador e humorista gráfico. O alumnado de 4º leu o seu libro O derradeiro libro de Emma Olsen, unha adaptación en banda deseñada da novela que leva o mesmo nome, da autora Berta Dávila. Pablo contoulles como foi o proceso de adaptación da novela de Berta ao formato de banda deseñada. Todo un descubrimento para nós, a cantidade de traballo que hai por detrás.Tamén nos falou un pouco do ámbito profesional nesta disciplina, moi interesante e esclarecedor sobre todo para abrir portas ao alumnado por esta vía, aínda pouco explorada pola rapazada como saída profesional. Todo un orgullo para nós e para as nosas letras, polo seu compromiso coa nosa lingua e a calidade dos seus traballos.

mércores, 23 de febreiro de 2022

SEMENTAMOS PENSAMENTOS

E van xa 185 anos do teu nacemento, Rosalía. Normalizadora coma ninguén e dinamizadora da nosa lingua. A forza da túa palabra entra a miúdo nas nosas aulas. Celebrámoste a diario. Estás nos nosos pensamentos. Para ti, esta pequena homenaxe do noso alumnado.
Especial agradecemento á profesora Leticia López.

luns, 21 de febreiro de 2022

E TI, QUE LINGUA MAMACHES?

 Hoxe celebramos con orgullo o Día Internacional da Lingua Materna. Vemos que por estas terras se mamou moito galego 💜😛🤩👅 #EuMameiGalego

#DILMPoetas


martes, 8 de febreiro de 2022

ITINERARIO DOS SERES MÍTICOS DE GUITIRIZ

No día 1 de febreiro de 2022, o alumnado de 1º e 2º da ESO do noso centro participou nunha actividade organizada conxuntamente polos departamentos de Galego e Portugués co nome Caça de seres míticos, animais fantásticos e outra bicharia. Despois dunha proveitosa xornada escolar, estudantes e docentes aproveitamos o fermoso xardín do instituto para xantar e organizar os grupos de cazadoras e cazadores. Estes, cunha guía de criaturas sobrenaturais e unha serie de pistas sobre como atopalas, encamiñáronse xunto co profesorado a descubrir os lugares de Guitiriz onde se agochan. Co móbil na man, os intrépidos cazadores demostraron a súa afouteza capturando coa cámara o seu rastro, en forma de vocabulario. Desta maneira, na Praza do Campo da Feira aprendemos como nos defendermos da Compaña; no paseo do río, como gardarnos das garras da María Manta; ou, na rúa do Mercado, como invocar o Cabalo do Pensamento. Nas fotos podedes vernos transitando as rúas de Guitiriz e aprendendo sobre o terreo do noso espazo máis próximo. Como rezaba o cartel da rúa do Mercado: “todo o que imaxinas pode ser real”.

luns, 7 de febreiro de 2022

BOTA A LINGUA A PACER!

Hoxe celebramos o día do galego nos medios e, sobre todo, dos medios en galego. Estes últimos os verdadeiros normalizadores da nosa lingua nese ámbito. Usar a lingua nos medios unha vez ao ano non só non normaliza senón que ten máis parecido cun ritual de levar flores a un cemiterio. No noso IES apoiamos os medios en lingua galega e dinamizamos o seu uso por parte do alumnado (e tamén do profesorado!). Se consomes máis en galego haberá máis oferta en galego. Depende de ti!

domingo, 12 de decembro de 2021

DINAMIZANDO A PRENSA EN GALEGO

No noso centro apoiamos a prensa 100% en galego, por iso tamén traballamos con ela nas nosas aulas. Porque a o presente é a historia de mañá. Grazas, Fátima (profe de Xeografía e Historia), por compartir a imaxe do teu alumnado traballando co Diario Nós
.

martes, 2 de novembro de 2021

XA TEMOS O NOSO RECANTO!

 

Con esta fotografía queremos agradecer ao alumnado de EPV de 4º ESO, e á profe Nuria, que fixesen estas letras tan bonitas para este recanto físico que acabamos de crear no instituto para as cousiñas da Equipa de Dinamización da Lingua Galega 💗💗

Neste recanto poderedes encontrar novidades relacionadas coa lingua galega, proxectos nos que andamos metidas e tamén parabenizar, cada mes, as compañeiras que están de aniversario, por exemplo deixándolles unha mensaxe.

O espazo é de todas! Animámosvos a darlle á lingua 👅

ESCRITORES GUITIRICENSES

  No día de onte visitounos o profesor e escritor Xosé Lorenzo Tomé. O autor guitiricense, que exerceu a súa profesión, entre outros lugares...