venres, 20 de xuño de 2025

ESCRITORES GUITIRICENSES

 

No día de onte visitounos o profesor e escritor Xosé Lorenzo Tomé. O autor guitiricense, que exerceu a súa profesión, entre outros lugares, neste IES, volveu á que tamén é a súa casa, para manter un encontro coa rapazada de 2º de ESO e falar de obras como A cidade branca ou Bergan, das súas orixes, lendas ou toponimia, fomentando así un maior interese do alumnado polas súas raíces e pola contorna máis próxima.

A charla, dinámica, agradable e distendida, percorreu os lugares máis próximos nos que se desenvolven as novelas e que esconden misterios, tesouros e outros segredos.

Moitas grazas, profesor!




xoves, 5 de xuño de 2025

Charla con profesionais de distintos campos

Hoxe a rapazada do IES puido visualizar unha realidade moi presente na nosa sociedade, a da violencia machista, a través da charla

“Verdades e bulos na loita contra as violencias machistas”

O relatorio estivo a cargo das maxistradas:

    • Dalila Dopazo Blanco, Maxistrada do Xulgado do Social Nº3 de Lugo

    • Luís Villares Naveira, Maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG

    • Sandra Piñeiro Vilas, Maxistrada do Xulgado de Instrución Nº2 de Lugo


O alumnado tivo a posibilidade de interaccionar cos relatores e manifestar diferentes inquedanzas sobre un tema que segue a ser noticia día tras día, sen que sexamos capaces, como sociedade, de lle pór freo. Confiamos en que os coñecementos adquiridos hoxe sirvan para construír cidadás e cidadáns máis xustos e máis libres.



venres, 30 de maio de 2025

Por unha lingua viva!

Un ano máis desde o IES Poeta Díaz Castro asistimos á cita anual do Correlingua. Desta volta foi o alumnado de 2º de ESO o que, en nome do IES Poeta Díaz Castro, visitou Lugo, realizou a andaina e cantou a prol da lingua acompañando a outros moitos centros da contorna luguesa. 

Despois de percorrer a Muralla, puidemos gozar do concerto da Mekánica Rolling Band  que poñía o broche a unha xornada lúdica e festiva que destaca, ano tras ano, o ben que mellor nos define e que nos fai únicos no medio da valiosa e marabillosa diversidade que son as linguas, o galego. 



venres, 16 de maio de 2025

A creatividade do IES Poeta Díaz Castro colabora coa VIII FESTA DA TORTA DE MILLO

 

O IES Poeta Díaz Castro participou na presentación da VIII Festa da Torta de Millo organizada polo Concello de Guitiriz. As alumnas Jara Pombo, Aroa Vázquez e Lorena Gómez tiveron protagonismo no acto que acolleu onte a Casa Habanera, como gañadoras do concurso de deseño de cartelería convocado para a celebración gastronómica do vindeiro domingo 1 de xuño.


Orixinalidade e creatividade combináronse non só nos traballos de Jara (2º ESO), Aroa (1º) e Lorena (3º) para exaltar a protagonista, a torta de millo, senón tamén nos máis de trinta debuxos presentados por estudantado do centro.


Xunto a esta colaboración, a Festa tamén contará con chaveiros conmemorativos como agasallos para o público, froito do deseño doutro alumno do Díaz Castro, Aitor García (2º ESO).

Ao longo deste curso e como contribución á exaltación da festa, o noso alumnado tamén estivo traballando na recollida de datos históricos, evolución, tradicións, curiosidades e lendas sobre este saboroso doce. Todas estas descubertas daranse a coñecer o 1 de xuño dentro da programación de actividades da celebración, así como outras colaboracións como as entrevistas a produtores artesáns, realizadas dende os CEIP Lagostelle de Guitiriz e Santo Estevo de Parga.



luns, 12 de maio de 2025

Charla sobre normalización lingüística coa maxistrada Dalila Dopazo Blanco

O xoves 8 de maio visitou o noso centro Dalila Dopazo Blanco, xuíza do Xulgado do Social Nº3 de Lugo, que nos falou do proceso de normalización da lingua galega a través dos séculos, facendo un percorrido vital e exemplificando as dificultades polas que o galego pasou dende que existe como lingua diferenciada da latina.

O alumnado do centro puido escoitar de primeira man as agresións que sufriron e sofren tanto o idioma coma os seus falantes e ser así consciente do dano que produce nunha comunidade lingüística a existencia de estereotipos e prexuízos.




luns, 31 de marzo de 2025

Mencía Rodríguez, recoñecida coa Mención de Honra no concurso "Rosalía sempre Viva"

A nosa alumna Mencía Rodríguez, de 4º ESO, foi recoñecida coa Mención de Honra no concurso de recitado "Rosalía sempre Viva", que acolleu a Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei o pasado 22 de marzo. Mencía púxolle voz ao poema "A gaita gallega", de Rosalía de Castro. 


 Aquí vos deixamos a súa interpretación:


 

Cando as palabras emocionan

As palabras teñen un poder infinito, chegan ao corazón, e así o demostraron o pasado 22 de marzo os nosos estudantes Mencía Rodríguez, de 4º ESO, e Darío López, de 1º BAC, no concurso de recitado "Rosalía sempre Viva" de Outeiro de Rei. Para o evento, acollido na Casa-Museo Manuel María, Mencía escolleu "A gaita gallega", de Rosalía de Castro, poema co que foi recoñecida con Mención de Honra, e Darío recitou "A auga é inocente", de Manuel María.
Mencía e Darío participaron na quenda de tarde entre unha trintena de estudantes de Secundaria chegados dende diferentes puntos das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Xunto ao apoio de familiares, o alumnado do IES Poeta Díaz Castro tamén estivo arroupado polas profesoras Susana López e Eva Teixeiro, dos departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá, respectivamente. Pola mañá, as voces de Primaria foron as protagonistas. 


Moitos parabéns! Agardamos seguir gozando da emoción das vosas palabras!

ESCRITORES GUITIRICENSES

  No día de onte visitounos o profesor e escritor Xosé Lorenzo Tomé. O autor guitiricense, que exerceu a súa profesión, entre outros lugares...